Back to photostream

Igrexa de Santa Mariña Dozo en Cambados 96

Plantexa este edificio un bo número de dúbidas a respecto de moitos aspectos relacionados coa súa construcción, especialmente se temos en conta que a documentación que alude á súa fundación é indirecta polos datos que nos aporta o cardeal Jerónimo del Hoyo, xa que non se conservan aparentemente escritos de contrato de obras, libros da parroquia do momento ou calquera outro tipo de documentación directa que asegurase o que apunta o referido cardeal. Segundo os diferentes autores pódese datar a construcción da igrexa entre 1470 e mediados do século XVI, pero o máis probable é que o comezo se producise no 1503, como di Jerónimo del Hoyo, rematándose practicamente na súa totalidade en torno a 1530-35, como apunta Caamaño Martínez. Posteriormente continuaríase edificando a medida que as necesidades funerarias e relixiosas dos persoeiros da fidalguía do entorno así o requirían e deste xeito se fixeron capelas laterais, capelas baixo baldaquino e unha sancristía nova en diferentes momentos do século XVI.

Outro problema que pon de manifesto a construcción desta igrexa é a do seu patrocinio, que se ven ligando ás intencións de María de Ulloa, señora de Cambados a cabalo entre o século XV e o XVI e amante e nai de arcebispos. Tamén se relaciona a promoción desta obra con Xoana de Hungría, tal como afirma o cardeal del Hoyo, pero semella difícil facer coincidir ás dúas señoras na empresa, ao que se une a escasa definición da figura histórica da suposta infanta de Hungría, a todas luces unha personaxe enigmática.

O templo é dunhas dimensións notables, de 24 metros de fondo, o que o fai o maior do tipo de igrexas do chamado gótico mariñeiro. Divídese en cinco tramos desiguais por catro arcos transversais de medio punto, dobrados e perfilados en baquetón. A rosca ornaméntase con pomas que, como os baquetóns, prolóngase polas xambas rematando nunhas columniñas moi estilizadas, coas súas correspondentes basas e capiteis. A decoración a base de pomas repítese no arco de acceso á capela maior, nos das capelas-nicho do segundo tramo, na cornixa da cabeceira, nas impostas que separan os corpos da torre... Unha verdadeira icona decorativa que unifica o conxunto. Os tres primeiros tramos da nave son máis anchos que os restantes, e sobre o primeiro dispúñase unha tribuna de madeira, apoiada nun atrevido arco rebaixado, case horizontal. Á tribuna accedíase por medio dunha escalinata de pedra hoxe desaparecida que A. de la Iglesia a finais do século XIX aínda puido ver; desde ela unha sinxela porta de entrada á esqueira de caracol que ascende á torre. O testeiro é de planta cadrada, cuberto cunha volta de cruzaría coa clave ornamentada cun medallón que representa ao sol. Os nervios debuxan unha estrela de catro puntas, son de sección triangular moldurada con medias canas e apòian sobre ménsulas, decoradas con goteiróns e flores nas que se manifestan claramente influenzas renacentistas. Unha imposta pomeada cingue os muros á altura do arranque dos nervios e por riba dela ábrense as tres fiestras abucinadas que iluminan a capela. As dos muros oriental e meridional son xemelgas, de arco lixeiramente apuntado dando abeiro un aximez formado por dous arquiños semicirculares e un óculo na albanega. A arquivolta está formada por un bocel entre medias canas, prolongándose por as xambas en forma de columniñas decoradas con bolas nos seus capiteis e basas. A fiestra do muro norte é máis estreita que as anteriores, semicircular, baquetonada pero sen columniñas e co perfil interior a xeito de ollo de fechadura. O arco triunfal é apuntado, pometeado e con perfil similar aos da nave; nas xambas, dous pequenos ambóns circulares, moi deteriorados, aos que se subía por medio de catro pasos de pedra encaixados na parede. Cara ao lado do evanxeo lábrase un pequeno fornelo cunha abertura que imita unha complicada volta de cruzaría, cos seus combados ligaduras e terceletes, todo en miniatura. Enmarcando o van aparecen os restos dun pequeno corpo de cantería, resaltado na mesma parede, composto por un marco rectangular moi marcado do que partían pináculos e cristería, Un arco rebaixado, ornamentado con bolas, pecha o conxunto, hoxe moi deteriorado por ter sido rozado para encaixar un retábulo de madeira. A súa finalidade foi a de servir de casa de sacramento ou credencia. O resto dos muros, ata a liña de imposta, estivo cuberto con pinturas (e así a práctica totalidade do interior do templo) das que apenas resta nada visible; só no ángulo SE se poden apreciar vestixios dun zócalo ornamental e pigmentación con tons azuis, vermellos e amarelos. No primeiro tramo da nave, a ambos lados do presbiterio, había dúas capeliñas abeiradas por baldaquinos, dos que se conservan algúns restos espallados pola vila. Os ángulos superiores do muro oriental chánfranse por medio de dúas trompas, a xeito de cunchas cunha poma no vértice. Sobre delas, polo exterior, cargan os contrafortes da capela maior; unha solución pouco frecuente (non aparece en ningún dos edificios do seu tipo) cun modelo que podería ser a cuncha do Tesouro da catedral de Santiago de Compostela. Acaroada á capela maior, polo muro do lado da epístola, ingrésase á sancristía por medio dun falso arco conopial baquetonado e rebaixado no interior. A estancia cóbrese cunha sinxela volta de cruzaría cuadripartita cun florón na clave, alumeándose por medio de dúas pequenas xanelas nos muros leste e sur. No muro oriental ábrese un nicho de arco rebaixado no que se aprecian restos de pinturas que hai menos de 100 anos aínda permitían ver claramente un Calvario coa Virxe e san Xoán ao pé da cruz e unha inscrición que indicaba o patrocinio de Pedro de Celeiro e a súa muller Urraca Rodríguez.

As capelas laterais son cinco, tres no lado do evanxeo e dúas no da epístola, varias delas modificadas con posterioridade á edificación do corpo principal, encaixándoas entre os contrafortes que soportan os arcos. As do segundo tramo, contando desde os pés da igrexa, son tan só profundos nichos con arco de ingreso semicircular ornamentado con bolas e cubertas con bóvedas de canón. No terceiro tramo, no lado do evanxeo, ábrese unha capela de planta cadrada cuberta dunha bóveda de cruzaría con ligaduras apeada sobre ménsulas. No cuarto tramo ábrense dúas capelas: a do lado do evanxeo é de planta rectangular, con arco de ingreso apuntado, cuberta cunha bóveda de cruzaría de cinco claves decoradas con medallóns figurados. A do lado da epístola é de planta cadrada, cuberta tamén con cruzaría de cinco claves, con arco de entrada apuntado e moi decorado.

 

MÚSICA: “Peccantem me quotidie” de Cristóbal de Morales

www.goear.com/listen/8370736/peccantem-me-quotidie-cristo...

 

 

4,554 views
0 faves
21 comments
Uploaded on October 23, 2011
Taken on September 28, 2011