Back to photostream

Santiago no Pórtico da Gloria

Fotografía tomada coa vella Zenit-122 en maio de 1991.

 

A última campaña constructiva da Catedral románica de Santiago (ca. 1168-1211) discorreu durante o pontificado de tres arcebispos -D. Pedro Gudestéiz, D. Pedro Suárez de Deza e D. Pedro Muñiz- e os reinados de dous monarcas que o foron de León e de Galicia, Fernando II e Alfonso IX. O patrocinio rexio está documentado no principio e fin da empresa, pola donación de Fernando II ó mestre Mateo, no 1168, e pola presencia do seu fillo, Alfonso IX, na solemne consagración de que foi obxecto a basílica, a instancias do propio monarca, no 1211. A intervención directa dos mencionados prelados na obra do Pórtico hai que dala por suposta, aínda que só no caso do último deles, D. Pedro Muñiz, quedaran testemuños documentais suficientemente explícitos. El foi quen consagrou a Catedral e dispuxo a súa sepultura ó mesmo pé do parteluz do Pórtico, xunto á estatua orante que se ten por efixie do mestre Mateo, como se á fortuna do monumento quixera encomenda-la súa memoria. Non é seguro que a inscripción "GUDESTEO" que se le no cimacio dun capitel da tribuna septentrional da nave, se refira ó prelado que derivou o seu patronímico de tal nome, aínda que a localización do epígrafe se corresponde cunha campaña que puido levarse a cabo baixo o seu pontificado.

No mesmo programa do Pórtico quedou a pegada deste dobre patrocinio, rexio e prelacial. O mesmo ca nos portais reais franceses, é moi posible que a conspicua e reiterada presencia de David e Salomón -na Árbore de Xesé e no exterior-, obedeza á intención de presentalos como arquetipos dos monarcas entón reinantes, sen menoscabo da súa primordial función na xenealoxía e promesa mesiánica. Ós ollos dos contemporáneos, quizais non pasara desapercibido o paralelismo entre o relevo de Fernando II por Alfonso IX, do que foi testemuña a obra do Pórtico, e o de David por Salomón, pai e fillo tamén, no trono de Israel e de Xudá. Tan conflictiva coma a de David foi a sucesión de Fernando e en ámbolos dous casos foi o sacerdocio -Natán e Sadoc, no primeiro; D. Pedro Suárez de Deza, no segundo- o garante da lexitimidade dinástica.

Máis explícitas son as alusións que o Pórtico contén á liñaxe espiritual da Igrexa compostelana. Santiago represéntase alí dúas veces e en ambos casos dáselle figura co báculo en tau dos camiñantes, ó que se engade, na imaxe do machón da dereita, un pano entrelazado (pannissellus) que gornece xeralmente os báculos prelaciais. Non ha ser casual o feito de que pola mesma época D. Pedro Suárez de Deza adoptara tamén o báculo en tau como insignia arcebispal en lugar do máis común báculo en voluta. No citado atributo viña pois a significarse a tradición e estatuto apostólico que os prelados composteláns reivindicaban para a súa igrexa.

Santiago é representado así no Pórtico como o primeiro prelado hispano e como patrón do reino, segundo reiteradamente o invocan nos seus diplomas os dous monarcas citados. Ambos dispuxeron a súa sepultura na mesma catedral compostelana, cercana ó sartego do Apóstolo, "para có seu corpo resucitaren e presentárense baixo a súa protección no día do Xuízo Final". Como intercesor dos seus devotos, ós pés de Cristo xuíz, ofrécese tamén Santiago no parteluz do Pórtico.

 

Serafín Moralejo, O Pórtico da Gloria e o seu Tempo, 1988.

 

MÚSICA: Vox nostra resonet (Códice Calixtino), interpretado por Ochote Ardual

youtu.be/GLyYC8Z__7w

2,189 views
13 faves
2 comments
Uploaded on September 26, 2018
Taken in May 1991