Back to photostream

Pazo de Maza en Cortiñas

O pazo de Cortiñas foi historicamente propiedade dunha das estirpes de maior peso político e social do Cambados dos séculos XIX e XX. O proxecto do conxunto actual -que non se chegou a rematar completamente daquela- debeuse a Ramón de la Maza Quiroga no 1872, procedendo a desfacer a vella construción pacega e empregando máis pedra traída do Pazo do Monte en Lois, polo que chegou a preito cos seus propietarios os Fariña. Este Ramón de la Maza, do mesmo xeito que outros inversores atentos e con posibles, aproveitou a ocasión da desamortización dos bens eclesiásticos para se facer cun número considerable de terras e propiedades orixinarias do mosteiro da Armenteira. Na súa carreira política hai que sinalar que foi deputado provincial polo distrito de Cambados en 1863, 1865 e 1866, chegando a exercer o cargo de presidente da Deputación de Pontevedra no 1868.

O vínculo fora establecido polo seu avó José de la Maza Cortiñas, pasando ao fillo José María de la Maza Somoza, quen casou con Josefa Quiroga Hermida, e deste matrimonio nacerían Carmen e Ramón de la Maza Quiroga, que casou con Petra Roldán Agar. Estes tiveron por fillos a Álvaro, Leopoldo, Presentación, Amalia e Josefa de la Maza Agar, esta última casada co escritor do Rexurdimento Evaristo Martelo, Marqués de Almeiras e Vizconde de Andeiro. O herdeiro deste e do pazo de Vilamarín, Álvaro de la Maza Agar, coronel de enxeñeiros morto no 1917 aos 61 anos e enterrado no seu panteón familiar de Vilariño, foi o derradeiro da familia en habitar esta casa con certa continuidade. Casou con Consuelo Suárez de Deza e Tineo e tras a súa morte herda o seu irmán Leopoldo, que casara coa súa curmá a condesa de Taboada Amelia García de Paredes, seguindo a liña a súa filla María Presentación de la Maza, casada con Eduardo González de la Barrera-Caro. Tiveron por fillos a Leopoldo, Amelia, María e María de la Presentación González de la Maza. Non habendo descendencia dos primeiros, será o único fillo da última con Víctor López-Riobóo Castro-Figueroa, chamado Eduardo, en situación de tutelaxe legal, o que actualmente ostente os dereitos e propiedades, xestionados por unha fundación.

Entre os moitos acontecementos que se teñen vivido neste lugar pódese destacar a homenaxe que se lle fixo a Enrique Vidal Bobo, moi ligado a Cambados por razóns familiares, cando no 1924 foi nomeado Maxistrado do Tribunal Supremo de Facenda, un dos seus máis altos cargos na administración de Xustiza tras unha carreira brillante. Nacera no 1862 e morrería no 1935, tras ter ocupado os cargos de Presidente do Tribunal Económico Administrativo Central do Ministerio de Facenda e membro da Asamblea Nacional, así como o de presidente do Consello de Administración do Colexio de Orfos de Facenda. Evidentemente o feito de ter sido o home de confianza de José Calvo Sotelo, ministro de Facenda, foi determinante para a obtención de tan altos cargos, ademais da súa brillante carreira, por suposto. Pois ben, naquel verán do 1924 levouse a cabo o banquete coa presenza das forzas vivas da contorna, onde non faltaban os señores curas como mínimo de Cambados, Padrenda e San Vicenzo de Nogueira, así como Aquilino Lois en representación dos traballadores de Facenda de Pontevedra, o xefe da Aduana de Vigo Francisco Fraga Padín, os condes de Taboada, etc. Tamén hai que citar a Joaquín Sánchez Peña, que exercía como cronista local e que lería unha carta de Ramón Cabanillas onde solicitaba que se excusase a súa ausencia obrigada e proclamaba os méritos persoais do homenaxeado e as belezas do seu Cambados. Previamente faría o discurso do brinde Isidoro Millán cunha gabanza de Enrique Vidal e das súas calidades para o posto de destino, xa que os seus méritos “le han abierto el camino en su vida de trabajos hasta alcanzar por su propio esfuerzo el honroso puesto con que hoy le distingue el Directorio”. O protagonista mostrouse moi agradecido cunha terra e unha xente que aprecia tanto e o acto finalizou coa actuación dun coro que cantou un lotiño de coplas galegas.

 

MÚSICA: Joaquín Pixán y Alejandro Zabala - Camiño longo (Ramón Cabanillas/Antón García Abril)

youtu.be/SBIWU-N09ro

6,499 views
28 faves
10 comments
Uploaded on June 12, 2016
Taken on January 19, 2014