Back to photostream

Torre de San Sadurniño

Tense escrito moito sobre o carácter defensivo e de avisos da torre de San Sadurniño, dentro dunha serie que achegaría a alarma a Compostela, a base de prenderen lume sucesivamente para daren aviso da chegada dos temidos drakkar normandos ou mesmo das embarcacións procedentes do mundo musulmán, que tanto temeron os habitantes das comarcas costeiras galegas durante varios séculos. Esta imaxe tan plástica resultou moi atractiva para unha historiografía máis atenta a un relato noveleiro que a unha investigación rigorosa dos feitos do pasado e nesa liña andaba José Caamaño Bournacell, cronista e historiador de Cambados e máximo difusor deste mito, despois seguido por moitos outros. O caso é que relatos deste tipo teñen aparecido na literatura en diferentes ocasións, sendo o máis coñecido o que narra Tolkien nun momento chave da súa saga, cando as tropas de Sauron ameazan Minas Tirith e hai que dar aviso con ese sistema de lumes sucesivos para solicitaren a axuda dos aliados, maxistralmente levada a escena a imaxes na fita de Peter Jackson. Lembro aínda como, nunha conversa sobre o tema con Jose Vaamonde, técnico de cultura de Cambados, alá polo 2010, lle facía notar o paralelo de ambos relatos e o carácter de ficción dos dous. Algún tempo despois, nun curso de verán da UIMP, escoitei as mesmas razóns e o mesmo exemplo na voz dunha historiadora que trataba o tema. Supoño que ninguén dos que acreditaban nesta idea se parou a pensar na dificultade (por non dicir o imposible) de comunicación visual entre as torres da Lanzada, Cedofeita, San Sadurniño, Cálogo (realmente o sineiro non anterior ao s. XVI do vello mosteiro medieval), Lobeira, Oeste e todas as demais que se lles ocorreran.

Hai que sinalar que o bispo Sisnando I de Iria vai acometer unha política de defensa dos intereses da sé iriense e compostelá nas terras do Salnés, onde os sucesivos reis de Asturias e Galicia foran facendo cuantiosas doazóns de salinas, terras, aldeas, vasalos e illas (concretamente Ons, Arousa, Sálvora, Tambo, Cíes, Framio e “Ocobre”, tal como se chamaba Ogrobe daquela) desde o 880 en diante. Nesta relación non falta máis que Cortegada nas grandes illas das Rías Baixas, que será propiedade do bispo Sisnando II, quen tiña, xunto coa súa familia, cuantiosos intereses nesta zona. Buscábase desde a coroa incentivar o poboamento e explotación dunha zona de grande riqueza potencial, daquela practicamente deserta como boa parte da costa galega ata o século XII. Ao longo do século X as doazóns deste tipo serán continuas por parte dos sucesivos reis e agora tamén amosan o seu interese os mosteiros máis poderosos de Galicia así como as grandes casas nobiliarias, en vista do lucrativo das salinas e outros negocios do mar. O señorío da sé iriense ten que defender estes intereses diante de tal presión e das novas acometidas vikingas de mediados do século X, un momento de debilidade do poder real que deben substituír os señoríos laicos e eclesiásticos. Así Sisnando II fortifica a xoia da coroa, a cidade de Compostela, e levanta as fortalezas da Lanzada e Cedofeita (Lérez), tal como se pode coñecer por un documento do 1005. Non hai ningunha referencia en ningún lado a outra fortaleza que non sexan estas dúas. Posteriormente, neste século XI, nos tempos de Afonso V e os bispos Cresconio e Xelmírez, faranse obras para ergueren o gran complexo defensivo das Torres de Oeste, primeiro de iniciativa real e despois doado á sé iriense-compostelá no 1024, vital para a defensa de Compostela ante incursións polo Ulla.

A primeira referencia que temos da construción da torre é a que fai Jerónimo del Hoyo no 1607, asegurando que foi o mariscal Pedro Pardo quen a fixo, cando seguramente se refería a outro autotitulado mariscal, Sueiro Gomes de Soutomaior, señor da xurisdición de San Tomé do Mar que incluía, xunto con esta vila, a de Portonovo, e á vez señor de Lantañón, de Rianxo, de Vea e outros lugares, nacido arredor do 1417 e morto arredor do 1490. O caso é que non hai referencia desta torre en ningunha documentación coñecida a día de hoxe, incluíndo a cuantiosa que se derivou das guerras irmandiñas, especialmente o preito Tabera-Fonseca de 1525-34, fonte fundamental para esa época. As “Memorias” de Jerónimo del Hoyo deixan claro que na illa da Figueira estaba situado o primitivo núcleo de San Tomé do Mar, chamado daquela Vila Vella, unha pequena aldea rodeada por unha muralla e enmarcada por un pazo-fortaleza e unha capela con dedicación a San Tomé e San Sadurniño. Outro documento interesante para sabermos como era ese núcleo é un croquis que serve para delimitar graficamente os lindes das xurisdicións de San Tomé do Mar e Cambados, dado a coñecer por Héitor Picallo, que completa o documento de apeo destas xurisdicións de 1670 que se publicou no xornal “El Umia” de Cambados hai un século. Certamente a fasquía da torre lévanos moi claramente a este tempo final da Idade Media polo corte da pedra e a decoración de bólas na imposta superior e, non habendo noticias da súa destrución no conflito da Gran Guerra Irmandiña do 1465-69, é de supoñer que sería posterior, o que pode indicar tamén a noticia que dá o testamento de Sueiro Gomes de Soutomaior de 1485 onde destina un marco de prata para dotar á ermida de San Tomé do Mar cun cáliz de prata, algo que pode facer pensar que aínda non estaba dotada suficientemente nesa altura, quizais pola novidade da construción, aínda que isto xa é especular un pouco, xa que un par de canzorros, moi probablemente procedentes desta capela, e reutilizados nunha casa próxima á ponte que dá acceso á illa, semellan anteriores a este momento. En canto á decoración de bólas, é sabido que se introduce en Galicia na arquitectura románica no século XII (San Pedro da Mezquita, por exemplo), aínda que o seu uso como liñas seriadas en impostas e arcos vai ter un desenvolvemento considerable no gótico do século XV e aínda do XVI, como se pode ver nas igrexas de Santa Mariña de Ozo, Solveira, Sandiás, Pazo de Láncara (A Mezquita) ou o magnífico exemplo de Santo Tomás de Ávila (1482-93).

Para rematar hai que indicar que este conxunto, do que hoxe apenas se pode albiscar a torre arruinada, está levantado enriba dun pequeno castro costeiro do que se podían ver algúns muros das casas tras os temporais dos últimos anos, e do que dan testemuña tamén numerosos anacos de cerámica cos característicos tons escuros, formas globulosas e bordos exvasados, que se complementan con outras cerámicas de época romana (algúns anacos tamén de terra sigillata) e posterior. Probablemente haberá no lugar un pequeno castro costeiro do estilo dos de Neixón, Baroña, Toralla, ou o posible do Bico da Ran en Castrelo, e seguramente estaría en relación cos próximos Castro de Santa Mariña e o posible do Castriño. Está claro que neste pequeno lugar o potencial arqueolóxico é enorme e quizais algún día lle chegue o momento antes de que o leve o mar definitivamente como o está a facer con outro xacemento arqueolóxico próximo, o do Guidoiro Areoso, unha espectacular necrópole do Megalitismo nunha illa pertencente á Illa de Arousa sentenciada a desaparecer baixo o mar ante a desidia xeral.

 

MÚSICA: The Lord of the Rings: The Fellowship of the Ring CR - 07. The Road Goes Ever On...Pt 1

youtu.be/6Y_BE5yxQjw

 

5,015 views
19 faves
3 comments
Uploaded on April 21, 2015
Taken on May 20, 2012