Back to photostream

Proxecto 'Castelao 1921'

Daniel Castelao permaneceu en París no ano 1921, durante cinco meses, para coñecer a arte e os movementos culturais que nesa época facían da cidade a capital europea das artes. Fíxoo durante unha viaxe de estudos que o levou por Francia, Bélxica e Alemaña. Durante a súa estadía en París, frecuentou os teatros da capital francesa e asistiu ás representacións do Theatre de Chauve-Souris (o Teatro do Morcego). Castelao definiu dito teatro coma un teatro “novo e orixinal” que destacaba pola súa “estilización de todo: parola, música, mímica, pintura, danzas”. O Teatro do Morcego era un teatro cómico, con vocación popular, cousa que o interesou vivamente, tanto que decidiu “faguer algo disto na primeira ocasión alá na nosa terra”. Así, Castelao foi imaxinando dez cadros onde están presentes o humor, a danza, a música e o canto e a intervención escenográfica.

 

Un século máis tarde do seu deseño primixenio, atrevémonos a pór en pé o Proieuto de teatro galego ó xeito do da “Chauve Sourris”. A proposta artística corre a cargo do alumnado de dirección e dramaturxia, escenografía e interpretación de primeiro da ESAD de Galicia acompañado e guiado polo profesorado. Nela, utilízanse diferentes espazos do Sexto Edificio e do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra, nun percorrido para describir os nove cadros imaxinados por Castelao.

 

Na ESAD de Galicia, propoñémonos dar vida a eses nove cadros imaxinados por Castelao, respectando a súa idea primixenia mais tentando insuflar a sensibilidade artística contemporánea a ditos cadros. Este é o punto de partida de Castelao 1921. Partindo da aprendizaxe do mestre Castelao, o alumnado crea un espectáculo cheo de imaxes, de fragmentos, de sentimentos plasmados, de sensacións, isto é, de pura poética visual. Aquí non ides atopar unha historia, nin uns personaxes ao uso. Tan só o punto de partida do artista, o inicio do camiño, desenvolto por unha nova xeración de creadores e creadoras galegos, que, ao igual que pretendía Castelao na súa viaxe europea, queren atopar un equilibrio entre as nosas raíces culturais, e as novas tendencias artísticas actuais.

220 views
0 faves
0 comments
Uploaded on May 23, 2016